Sunday 30 de June de 2024

O alumnado de 4º da ESO do CPI Cernadas de Castro presenta un traballo audiovisual sobre as minas de San Finx


A alcaldesa de Lousame e a concelleira de Ensino asistiron hoxe á presentación do vídeo, feito no marco dun proxecto didáctico do Museo do Pobo Galego para levar o cine etnográfico ás escolas

As instalacións do CPI Cernadas de Castro acolleron esta mañá a presentación dun traballo audiovisual sobre as minas de San Finx elaborado por alumnos e alumnas de 4º da ESO do centro educativo lousamiá. Un vídeo elaborado no marco da segunda edición do MICEscola, un proxecto didáctico do Museo do Pobo Galego dedicado a levar o cine etnográfico aos centros escolares.

Unha presentación á que asistiron a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e a concelleira de Ensino, Silvia Agrafojo, así como familiares do alumnado e profesorado do centro, encabezados pola directora do CPI, Pilar Cobas. Teresa Villaverde felicitou ao profesorado do Departamento de Xeografía e Historia, á dirección do colexio e ao alumnado “por este fermoso vídeo, que pon en valor o noso patrimonio e a nosa historia”. Pola súa banda, Silvia Agrafojo amosou a súa satisfacción “por comprobar no vídeo como as novas xeracións lembran con cariño as historias que lles contaron os seus avós e avoas sobre as minas de San Finx”.

O traballo presentado hoxe polo alumnado de 4º da ESO recolle en catro minutos unha visita realizada ao Museo das Minas de San Finx e ao exterior das minas que, como recoñeceron os propios rapaces e rapazas, “nós non vimos abertas pero compartimos un pouco da súa historia a través dos nosos pais e avós”. Así, algúns deles mesmo explican no vídeo historias que lles contaron os seus avós e bisavós tanto sobre o traballo na mina como “historias da roubacha”, que eran as que máis chamaron a atención da rapazada. De feito, dous deles explicaron como os seus familiares lles explicaron como ían pola noite a recoller o mineral que caera por fora da mina ou como un dos traballadores sacaba mineral agochado nuns zapatos con dobre fondo para despois vender no mercado negro.

Tanto no vídeo como na presentación realizada esta mañá, os nenos e nenas puxeron en valor o impacto económico que tiveron as minas e a extracción de estaño e, sobre todo, de wolframio non só para Lousame, senón para toda a comarca dende finais do século XIX ata despois da “febre do wolframio”, na posguerra civil española.

Cine etnográfico

Este vídeo está incluído na segunda edición do MICEscola, un proxecto didáctico da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego (MICE) dedicado a levar o cine etnográfico aos centros escolares galegos. Trátase dunha experiencia que reúne alumnado, profesorado e profesionais do sector audiovisual e que ten como obxectivo dotar á xente nova das ferramentas técnicas e narrativas para contar o seu punto de vista sobre o mundo a través de curtametraxes feitas con dispositivos de fácil acceso e utilización.

No programa, titorizado polo Museo do Pobo Galego e as cineastas Coral Piñeiro e Bruno Arias, participan este ano o CPI Plurilingüe Cernadas de Castro (Lousame), o IES Pedra da Aguia (Camariñas), o IES de Arzúa (Arzúa), o IES de Oroso (Oroso) e o IES de Cacheiras (Teo). As formadores levaron a cabo tres sesións en cada centro nas que achegaron ao alumnado as diferentes caras do proceso creativo: selección dun tema, ideación da historia, escritura dun guión, elaboración dunha proposta de dirección, rodaxe e montaxe, así como resolver as dúbidas e dificultades que xorden en cada un dos procesos.

Estas prezas serán proxectadas no Museo do Pobo Galego no marco da programación extendida da XIX Mostra Internacional de Cinema Etnográfico. O vídeo do alumnado lousamiá pode verse neste enlace de YouTube: https://youtu.be/p5btWYK2Ngo

Deja un comentario